Monday 29 de April de 2024

O Concello solicita á Xunta novos cursos formativos para o Centro Municipal de Formación


O Concello de Oleiros reclama á Xunta a concesión de novos cursos e especialidades para o Centro de Formación Isaac Díaz Pardo, para que a cidadanía dispoña de maiores posibilidades de formarse, adaptadas ás novas realidades do mercado de traballo. Tamén sería preciso adaptar a oferta de formación profesional dos institutos.

Así o expresou o alcalde, Ángel García Seoane, que subliñou o significativo incremento das consultas de empresas ao Centro de Formación municipal: “Neste momento hai unha grande cantidade de empregos que non teñen traballadores. É moi grave, porque no paro segue habendo xente, pero a xente tense que formar para poder acceder a eses traballos”.

A continuación anunciou que os sectores para os que se solicitarán novos cursos teñen que ver coa hostalería e a construción: “as empresas non atopan traballadores, son varias as empresas que demandan man de obra vinculada aos distintos oficios de albanelaría, carpintería, pladur, fontanería… así mesmo tamén hai unha gran carencia de persoas para actividades hostaleiras como camareiros, cociñeiros e outros moitos oficios”.

O alcalde lembrou a “inmellorable” instalación formativa que o Concello ten na urbanización Os Regos, pero tamén fixo referencia á formación profesional nos institutos “brindando posibilidades á marxe de aqueles que optan por ter unha formación universitaria”. En moitas ocasións, o estudantado que opta pola Universidade ten máis dificultades de inserción laboral e de progreso económico que persoas formadas en ciclos de FP ou cursos de especialización como os que se ofertan no centro Isaac Díaz Pardo.